top of page

Grupo Lobo Galicia adhírese ao Fondo para a Protección do Lobo Ibérico.

  • Foto del escritor: Grupo Lobo
    Grupo Lobo
  • 10 may
  • 2 Min. de lectura

Actualizado: 12 may

Desde Grupo Lobo Galicia queremos anunciar a nosa adhesión ao Fondo para a Protección do Lobo Ibérico, unha iniciativa impulsada pola Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica que ten como obxectivo principal defender xuridicamente e socialmente o futuro desta especie clave nos ecosistemas da Península.

A recente exclusión do lobo ibérico do Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESRPE) mediante unha emenda lexislativa carente de participación pública e sen aval científico rigoroso, abriu a porta a que comunidades como Asturias, Cantabria e Galicia anuncien medidas de “control poboacional” que encubren, en realidade, o regreso á súa persecución sistemática.

Galicia modificou recentemente a súa normativa cinexética (DOG 3 de abril de 2025), reintroducindo medidas como esperas e batidas ao longo de todo o ano, agás nos meses de cría, amparándose nun suposto plan de xestión elaborado hai máis dunha década (Decreto 297/2008) e sen actualizar malia o novo estatus legal da especie.

Como colectivo que traballa no estudo, conservación e defensa do lobo ibérico en Galicia, consideramos que estas medidas:

  • Ignoran o ditame do Comité Científico do Ministerio para a Transición Ecolóxica (2021), que declaraba ao lobo como especie cun estado de conservación desfavorable e inadecuado.

  • Contraveñen a Directiva Hábitats da UE e o Convenio de Berna, que esixen xestión baseada en evidencias científicas, non en presións de determinados sectores económicos.

  • Desoíen a tendencia europea de coexistencia baseada na prevención, compensación e educación ambiental, e non na escopeta.

Por todo isto, sumámonos ao Fondo para a Protección do Lobo Ibérico, un instrumento que permitirá financiar:

  • Accións legais e xudiciais contra normativas e medidas regresivas.

  • Campañas de sensibilización, divulgación e educación ambiental.

  • Propostas de xestión baseadas en ciencia e ética ecolóxica.

O Fondo conta xa co apoio de máis de 40 entidades de conservación de España e Portugal, entre elas varias galegas como a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) e a Asociación Galega de Custodia do Territorio, Adega. Tamén estan o Secem ou Rewilding Portugal.

Desde Grupo Lobo Galicia animamos a outras entidades galegas, científicas, sociais e culturais a sumarse tamén a esta iniciativa, e chamamos á sociedade a apoiar o crowdfunding activo ata o 30 de xuño en www.fondolobo.org. Porque defender o lobo é defender o equilibrio ecolóxico, a ciencia, e o futuro do noso patrimonio natural.

O lobo é vida. Galicia tamén é terra de lobos. Defendámolo.





留言


這篇文章不開放留言。請連絡網站負責人了解更多。
© Derechos de autor
bottom of page